Friday 03 de May de 2024

A Xunta presenta Revolution on Ice da man de Javier Fernández como un espectáculo único que tamén axudará á consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres


Lete Lasa e Nava Castro presentaron o espectáculo ‘Revolution on Ice’ do patinador artístico Javier Fernández que o vindeiro 21 de decembro desembarcará na Coruña no medio dunha xira por todo o territorio nacional e no que colabora a Xunta de Galicia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron na Fundación María José Jove o espectáculo ‘Revolution on Ice’ do patinador artístico Javier Fernández que o vindeiro 21 de decembro desembarcará na Coruña no medio dunha xira por todo o territorio nacional e no que colabora a Xunta de Galicia.

Da man do dous veces campión do Mundo, sete veces campión de Europa e medalla de bronce olímpica, os responsables políticos realizaron unha actuación de promoción da patinaxe artística. O titular da carteira deportiva destacou a importancia da igualdade nun día tan sinalado como o de hoxe -Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller- e lembrou a importancia da figura de Javier Fernández como o mellor embaixador desa capacidade que ten o deporte para acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres xa que “é plural, diverso, sen xénero nin idade, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, formador, igualador e motor de cambio social”. Revolution on Ice tamén axudará á consecución desa igualdade “a través dun espectáculo único”

Neste sentido lembrou os convenios de patrocinio asinados cos principais equipos profesionais galegos, así como cos 25 deportistas que se atopan na carreira olímpica para Toquio 2020, máis outros 15 que o farán nas vindeiras datas, ou a andaina celebrada no día de onte que reuniu a un milleiro de persoas para sensibilizar e previr contra a violencia de xénero.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia de que desde a Xunta se apoien espectáculos como Revolution on Ice, que aglutina deporte, espectáculo e valores á vez que se converten tamén en todo un atractivo turístico fóra de tempada alta. Neste sentido, puxo de manifesto o bo momento que está a atravesar o turismo en Galicia, cando os hoteis galegos volveron medrar en outubro, neste caso un 9%, e marcan un novo récord a dous meses de rematar o ano. “Galicia está a ser a Comunidade líder no crecemento turístico de España e iniciativas como esta contribúen a converternos nun destino competitivo”, explicou.